Thursday 25 de April de 2024

Diego Calvo anima á veciñanza de Negreira a dar uso á nova Praza das Brañas, reformada con fondos provinciais


Calvo salientou o “incrible cambio” que recibiu este entorno, que “mellorará a calidade de vida” dos residentes no concello

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, participou xunto ao alcalde de Negreira, Juan José Rey Maceira, na visita da nova praza das Brañas, reformada con fondos provinciais.

Durante a súa intervención, Calvo destacou “o incrible cambio” que sufriu este entorno, no que só había terra e agora se dispón dun área de ocio para os residentes no municipio. “Mellorará a calidade de vida dos veciños”, sinalou o titular provincial e invitou a toda a cidadanía a gozar deste novo espazo.

En concreto, a nova praza de 8.000 metros cadrados nos que a partir de agora se pretenden acoller feiras, actividades deportivas ou outras citas do municipio, será tamén unha zona de lecer para a vida diaria con sendas peonís e mobiliario urbano. Está previsto completar a actuación cun parque infantil.

O custe da obra ascende a 239.000 euros dos que o 80%, 192.000 euros, procederon de fondos provinciais. Por iso, o rexedor mostrouse especialmente agradecido coa colaboración da Deputación neste e outros proxectos. De feito, grazas ao DTC93, o goberno local tamén puido completar o paseo fluvial.

Rey Maceira asegurou que a renovación foi moi ben acollida polos veciños, que levaban tempo reclamando un espazo coma este.